Para Manuel Ruiz Rivas, as incoherencias, indefinicións e incertezas da política do Goberno de España volven a cebarse en Galicia cunha carga discriminatoria e prexudicial para o tecido enerxético galego
O PPdeG anuncia iniciativas contra un decreto do carbón cuxa aplicación poñería en risco máis de 3.000 empregos directos e máis de 10.000 indirectos
- Diego Calvo asegurou que os populares na Coruña presentarán mocións contra o decreto en todos os concellos da provincia e enviarán cartas a Zapatero e Ruiz Rivas anunciou a presentación dunha iniciativa para que a Xunta explique no Parlamento a súa opinión sobre as políticas enerxéticas do Goberno central
- Para Ruiz Rivas, o decreto do carbón trátase dunha deslealdade do Goberno de Zapatero con Galicia, xa que protexe o carbón nacional e obvia os importantes investimentos de Sabón e Meirama en infraestruturas na nosa Comunidade
Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2010.- O voceiro parlamentario dos populares, Manuel Ruiz Rivas, e o secretario xeral do PP da Coruña, Diego Calvo, anunciaron hoxe en rolda de prensa iniciativas contra un decreto do carbón cuxa aplicación poñería en risco máis de 3.000 empregos directos e máis de 10.000 indirectos, ademais de ir en contra non só dos intereses dos galegos senón tamén contra a libre competencia, xa que intervén e altera o libre mercado.
Segundo indicou Diego Calvo, “queremos denunciar esta situación e trasladar á sociedade a nosa preocupación”, por iso os populares na Coruña, a provincia máis afectada polo decreto do carbón, van a presentar mocións en todos os concellos coruñeses rexeitando a aplicación dese Real Decreto que prima o carbón nacional. Así mesmo, enviarán cartas ao presidente do Goberno central “para que sexa consciente do que pode supoñer unha medida desta índole para Galicia”, indicou o secretario xeral do PP da Coruña.
Do mesmo xeito, Manuel Ruiz Rivas anunciou a presentación por parte do Grupo Popular dunha iniciativa para que a Xunta de Galicia explique en sede parlamentaria a súa opinión sobre as políticas e medidas enerxéticas que nesta materia está a adoptar o Goberno de España e informe da avaliación do seu impacto negativo en Galicia e especialmente o dano potencial que pode ocasionar o novo Decreto do carbón na nosa Comunidade. Para o popular, as incoherencias, indefinicións e incertezas da política do Goberno de España volven a cebarse en Galicia cunha carga discriminatoria e prexudicial para o tecido enerxético galego.
Segundo o voceiro parlamentario, á falta dun modelo claro de fomento e regulación enerxético nacional e aos desequilibrios xerados no subsector das enerxías renovables polo Goberno do Estado, súmanse agora novas medidas de dubidosa concepción técnica, discriminatorio impacto produtivo, social e territorial así como de precipitada tramitación legal como é o Decreto do Carbón. Ademais, Ruiz Rivas indicou que este xa recibiu informes adversos por parte da Comisión Nacional da Competencia así como do Consello do Estado e no proceso de consultas e alegacións non se chegou a un esquema satisfactorio para resolver a problemática da produción enerxética cuxa materia prima é o carbón.
Para Ruiz Rivas e Diego Calvo, o novo decreto é, polo tanto, unha “ameaza real” contra os postos de traballo, contra as plantas de produción galegas que utilizan carbón importado, que se discriminan polas axudas selectivas ás que utilizan carbón autóctono e que non teñen en conta que o interese nacional márcao tanto a materia prima como a empresa de transformación, as áreas de produción e os tecidos intersectoriais que envolven a actividade económica nestas zonas.
Así mesmo, fixeron fincapé en que a aplicación deste Real Decreto non vai producir unha enerxía máis barata, senón todo o contrario, posto que se estará utilizando un mineral “moito menos eficiente”, segundo Diego Calvo, quen subliñou que esta iniciativa de Zapatero ten como obxetivo “beneficiar aos seus amigos de Rodiezmo”.
Segundo Manuel Ruiz Rivas, trátase “dunha nova deslealdade con Galicia do Goberno de Zapatero, que protexe o carbón nacional e obvia os importantes investimentos de Sabón e Meirama en infraestruturas na nosa Comunidade co obxectivo de ser menos contaminantes e mais competitivas pero que con esta normativa estarían obrigadas a pechar”. Nesta liña, criticou que “as medidas discriminatorias do Goberno con Galicia comezan a ser unha constante”.













