O líder do PPdeG di que que “é o momento da lucidez, e non de presentar ornamentos lucidos”
Feijóo garante que a Xunta cumprirá coa estabilidade orzamentaria pese a que os presupostos baixarán por segunda vez
- Considera que é o momento no que fai falla “empregar o diñeiro público cunha responsabilidade extrema” xa que a mala xestión económica do PSOE levou a unha redución dos fondos públicos
- Fai fincapé en que nos tempos que corren a cidadanía esixe unha política de feitos, como a da Xunta, e non de xestos, como a do Goberno central, e transparencia fronte á hipocrisía
- Para o dirixente popular, é fundamental gobernar e traballar respectando a palabra dada e sendo fiel a uns principios para poñelos a disposición dos cidadáns, en vez de impoñelos
Lugo, 17 de xullo de 2010.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe en Lugo que a Xunta de Galicia vai cumprir coa estabilidade orzamentaria a pesar de que os presupostos baixarán por segunda vez no vindeiro exercicio. O líder dos populares galegos, que acudiu á cidade para clausurar as xornadas de formación municipal para dirixentes do PP, indicaba que, debido á delicada situación económica actual, “acabouse aquelo de presentar orzamentos lucidos” xa que agora debe ser “o momento da lucidez”.
Con respecto a isto, Feijóo lamentou que “traballamos por deixar ás futuras xeracións unha Galicia mellor que a que atopamos e a irresponsabilidade económica condenaría aos que nos han suceder”, en alusión á xestión económica do Goberno central e á do bipartito en Galicia. Nesta liña, dixo que os populares no Goberno galego poderían facer “a trampa de pintar un orzamento irreal e gastar o que non temos” pero asegurou que esa non é a forma de actuar do PP e ademais é a experiencia que “agora temos que pagar todos”.
O presidente dos populares fixo fincapé en que é o momento no que fai falla “empregar o diñeiro público cunha responsabilidade extrema” xa que a “hipocrisía política do PSOE” levou a unha redución dos fondos públicos. Así mesmo, criticou que durante catro anos en Galicia se gastase o que non se tiña e que por culpa diso agora todos se teñan que sacrificar para recuperarse.
“A Xunta terá menos recursos públicos que este ano e iso requerirá esforzos por parte de todos”, sentenciou Feijóo, que apelou aos cidadáns e á oposición a aunar as forzas coa Xunta para saír adiante. “O Goberno central renunciou a preservar a extraordinaria herdanza económica que recibiron en 2004”, apuntou, “pero nós non imos renunciar a algo fundamental en tempos de crise: Galicia debe deixar de estar estancada e debe crecer como sempre fixo”.
GALICIA PRECISA UNHA POLÍTICA DE FEITOS E TRANSPARENCIA
O líder do PPdeG afirmou que nun contexto como o actual “a xente reclama a fortaleza da política de feitos, non a inconsistencia da mera política de xestos”. Unha política de feitos como o plan de austeridade e non de xestos como reducir unha trintena de altos cargos á par que se multiplica o gasto burocrático, como fai Zapatero, entre outros exemplos.
Así mesmo, Feijóo engadiu que a cidadanía tamén esixe transparencia dos seus dirixentes, xa que queren saber cal é a situación exacta da súa nación ou comunidade e non queren ocultación ou hipocrisía política como dicir que non se vai tocar o gasto social e recortalo, ou dicir que non se vai tocar o soldo dos funcionarios e baixalo, ou que non se van tocar as pensións e conxelalas, en alusión ás medidas de Zapatero.
RESPECTO Á PALABRA DADA E A FIDELIDADE A UNS PRINCIPIOS
Feijóo fixo fincapé en que o Goberno de España busca agora o que a Xunta xa aplica desde o primeiro día, que é austeridade e un programa económico, porque xa advertiu que os eslógans non se transforman en modelo productivo. Por iso, nótase a diferencia, na opinión do popular, entre un Goberno que fixo un programa para negar e tapar a crise e outro que fixo un programa electoral para gobernar combatendo a crise.
Por iso, para o dirixente popular, é fundamental gobernar e traballar respectando a palabra dada e sendo fiel a uns principios para poñelos a disposición dos cidadáns e non impoñelos. Do mesmo xeito, apelou aos populares e seguir traballando co convencemento de que co traballo comprometido, planificado, aprendendo cada día e mellorando recuperaráse a confianza dos galegos para cada concello e en cada Deputación.













