O PPdeG critica que Blanco eluda en Galicia defender á Comunidade co tema das caixas

Os populares galegos consideran que o silencio de Blanco en Galicia sobre o tema das caixas pretende esconder o seu apoio ao Goberno central e a súa complicidade no espolio financeiro deste á Comunidade

Rueda critica que o Goberno central non fixe de inmediato unha data para negociar a Lei de caixas mentres Blanco elude en Galicia defender a Galicia

• Rueda critica que Zarrías non queira reunirse coa Xunta durante a semana e, pola contra, dedique as fins de semana a facer mítins no seu partido, e insiste na necesidade de negociar co Goberno central xa que non é “serio” que a situación se prolongue no tempo

• Lamenta que o Goberno central non queira reunirse coa Xunta pero si o faga cos membros do PSOE en Galicia, como Manuel Vázquez, do que dixo que a súa credibilidade queda “en entredito” por negar que se reunira con Zarrías cando si o fixo

• Os populares pídenlle a Blanco que, se non está dacordo co Goberno central, que defenda os intereses de Galicia e, se está con Madrid, que se desenmascare e admita que prefire que Galicia non teña caixas e os aforros dos galegos se vaian fóra da Comunidade

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2010.- O Partido Popular de Galicia fai fincapé en que mentres o seu secretario xeral e tamén conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, amosa a súa preocupación pola paralización das negociacións da Lei de caixas por parte do Goberno central, que aínda non fixou unha data para a seguinte reunión, o ministro de Fomento, José Blanco, elude en Galicia defender a Galicia, negándose a postularse sobre o tema.

 

Rueda criticou hoxe as manobras que está perpetrando o Goberno central para retrasar as negociacións coa Xunta, que quere levantar o bloqueo das caixas canto antes, e indicou que, “a pelota sempre estivo no tellado do Goberno central”, engadindo que mentres unha parte quixo negociar, a outra se levantou da negociación unha vez e á seguinte suspendeu a reunión.

O popular lembrou que daquela, a disculpa que poñían, era que faltaba unha proposta e indicou que, agora que si dispoñen dun texto, non teñen escusa para non fixar xa unha data. Para Rueda, é difícil de entender que non haxa xa unha reunión fixada para levantar un recurso dunha Lei que suporía eliminar o veto para garantir que Galicia teña futuro financeiro.

Así mesmo, criticou que Gaspar Zarrías non queira reunirse coa Xunta durante a semana e, pola contra, dedique as fins de semana a facer mítins no seu partido, e insistiu na necesidade de sentarse co Goberno central, “vernos as caras” e negociar xa que non é “serio” que a situación se prolongue no tempo. Segundo afirmou, os representantes da Xunta teñen a axenda aberta para acudir a Madrid tan pronto como sexan convocados.

Ademais, Rueda lamentou que os representantes do Goberno central non queiran reunirse coa Xunta pero si queiran facelo, en cambio, cos membros do PSOE en Galicia, como Manuel Vázquez, do que dixo que a súa credibilidade queda “en entredito”, posto que o socialista acusou ao Goberno galego de mentir cando el mesmo dixo que non se reuniría con Zarrías cando xa o fixo. Para o popular, é necesario que Vázquez aclare a qué foi a Madrid e qué tratou na súa reunión con Zarrías.

O SILENCIO DE BLANCO

Por outra banda, para os populares galegos, o silencio de Blanco pode deberse a dúas razóns. Unha delas é que a súa negativa a opinar publicamente sobre o bloqueo da Lei de caixas galega por parte do Goberno central esconde un apoio claro aos seus compañeiros no Executivo e a súa complicidade co espolio financeiro que desde Madrid pretende levarse a cabo con Galicia. A outra razón sería que Blanco non comparte en realidade a postura do Goberno central e prefire evitar unha confrontación pública con este polo asunto das caixas.

Non obstante, os populares galegos consideran que o motivo do silencio do socialista é precisamente que non quere manifestar ante os galegos que realmente está a favor de que a Comunidade se quede sen caixas de aforro e evitar, deste xeito, admitir na súa terra que é un inimigo de Galicia en Madrid.

O PPdeG pídelle a Blanco que, se isto non é certo, teña a valentía de desmarcarse publicamente dos seus compañeiros de Goberno e defenda os intereses da terra na que naceu ou, se non, que se desenmascare ante os galegos e admita que, ao igual que o seu Goberno, prefire que os aforros dos galegos non se invistan en Galicia e que a nosa Comunidade non reciba o mesmo trato que outras con normativas similares só por ter distinta cor política.

 

 


Compartir en:
Comparte en Google! Live! Facebook! Netscape! Technorati! MySpace! Yahoo!
Síguenos:
RSS

Descarga nosos titulares

Podcast

Leva os nosos audios

No teu correo

Recibe os titulares e alertas informativas

Afiliate Buscar