O secretario xeral dos socialistas fixo 600 quilómetros para culminar a súa traizón a esta terra e pasar de ser líder da oposición en Galicia a líder da oposición a Galicia, para xúbilo de Ferraz
O PPdeG lamentaría que Zarrías e Vázquez urdisen en Madrid a estratexia coa que culminar o espolio financeiro de Galicia
• Miranda lamenta que un galego e un andaluz coincidan en que Andalucía debe ter caixas fortes froito de fusións, e tamén en que Galicia debe ceder o seu protagonismo financeiro actual en beneficio doutras comunidades
• Zarrías mira máis polo interese da súa terra que Manuel Vázquez: o primeiro defende a Andalucía, o segundo castiga a Galicia
• A traizón de Manuel Vázquez a Galicia pódelle xerar grandes amigos no Goberno central pero unha imaxe de inimigo da terra que lle custará anos quitarse de enriba
• O silencio clamoroso de José Blanco neste asunto parece demostrar que tamén el descarta para Galicia o que o Goberno do que forma parte impulsa para outras comunidades
• Se Galicia se queda sen caixas, Blanco e o resto de ministros galegos terán moi complicado pasear polas rúas da súa terra, posto que os cidadáns lles sinalarán xunto a Vázquez, Zapateiro, Chaves e Zarrías como autores do espolio financeiro de Galicia
Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2010. - O voceiro do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, considera que a reunión mantida onte por Manuel Vázquez e Gaspar Zarrías na sede socialista de Ferraz non fai senón confirmar en que bando está o secretario xeral do PSOE en Galicia. O dirixente popular cre que nese encontro Vázquez culminou a súa traizón a esta terra e a súa transformación de líder da oposición en Galicia a líder da oposición a Galicia. É, polo tanto, inimigo do seu país.
Miranda cre que cando Vázquez debería estar a remar en Galicia para conseguir entre todos que este país siga tendo presenza no mapa financeiro español, marcha a Madrid para urdir xunto a Zarrías a estratexia coa que culminar o espolio financeiro de Galicia. O voceiro do PPdeG lamenta que un galego e un andaluz (Vázquez e Zarrías) coincidan en que Andalucía debe ter caixas fortes froito de fusións, e tamén en que Galicia debe ceder o seu protagonismo financeiro actual en beneficio doutras comunidades. É evidente que Zarrías mira máis polo interese da súa terra que Vázquez.
Para Antonio Rodríguez Miranda, a traizón de Manuel Vázquez a Galicia pódelle xerar grandes amigos no Goberno central pero unha imaxe de inimigo da terra que lle custará anos quitarse de enriba.
Ademais, considera que a deslealdade institucional do Goberno central é manifesta, posto que antes de recibir á Xunta os seus responsables reciben na sede do partido dirixentes socialistas cos que pactar a folla de ruta do sometemento financeiro da Comunidade. Manuel Vázquez quere gañar protagonismo erixíndose en interlocutor con Madrid neste asunto -coa compracencia de Zarrías- pero o que fai é enterrar a súa imaxe en Galicia e lastrar de paso a dun Goberno central que non respecta as institucións galegas.
Miranda cre ademais que o silencio clamoroso de José Blanco neste asunto parece demostrar que tamén el descarta para Galicia o que o Goberno do que forma parte impulsa para outras comunidades. O voceiro do PPdeG lamenta que o número dous do PSOE e titular de Fomento, xunto aos outros tres ministros galegos, se afane en empaquetar as nosas caixas e mandalas rumbo a outras comunidades.
O dirixente popular cre que se Galicia se queda sen caixas Blanco e o resto de ministros poden ter algo máis complicado pasear de forma cómoda polas rúas da súa terra, posto que os cidadáns lles sinalarán xunto a Manuel Vázquez, Zapatero, Chaves e Zarrías como autores do espolio financeiro de Galicia.













