O secretario xeral do PPdeG lamenta a existencia en Madrid dun Goberno hostil ao traspaso de competencias e que con Galicia vive aillado no “non polo non”
Rueda: “Madrid declara a guerra á autonomía financeira de Galicia e lánzase á conquista das caixas para poñelas ao servizo de Ferraz”
• “Felicita” ao PSOE por que as caixas galegas estean un pouco máis preto agora de saír de Galicia ou de desaparecer pero asegura tamén que o PPdeG e o Goberno galego non se van rendir e darán a batalla para evitar que iso suceda
Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2010.- O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda Valenzuela, afirmou hoxe que “Madrid declara a guerra á autonomía financeira de Galicia e lánzase á conquista das caixas para poñelas ao servizo de Ferraz”. O popular criticou con estas palabras o recurso que o equipo de Zapatero planea presentar contra a Lei galega de caixas, aprobada en decembro polo Parlamento, e engadiu que, con iso, lle está declarando a guerra tanto á autonomía financeira de Galicia, como ás leis surxidas no seo do Parlamento galego e a un país que defende o seu dereito a permanecer no sistema financeiro español.
Rueda dixo que foi ata Madrid preocupado e chegou a Galicia máis preocupado aínda.
Con respecto a isto, Rueda falou dunha deriva intervencionista inequívoca por parte do Goberno central en Galicia que nin se esmera en disimular e afirmou que o PSOE puxo a traballar a maquinaria política do Goberno para quitarlle á Comunidade as súas caixas por medo a que esta saia reforzada do panorama de reestruturación financeira actual.
Rueda concluíu, polo tanto, que o recurso do Goberno central á Lei de caixas é un “recurso político e non xurídico”, cuxo afán é retrasar a reestruturación interna das entidades e frear así a externa e bloquear a fusión, negándolle a Caixanova e a Caixa Galicia o acceso aos fondos do Frob que si entregará, en cambio, ás caixas de comunidades amigas.
Ademais, o popular “felicitou” irónicamente a Vázquez e a unha parte do PSOE galego xa que pediron a Madrid que freara o desenvolvemento financeiro de Galicia e Madrid respondeu a esas demandas intentando invalidar unha lei galega, logrando así que as caixas estean un pouco máis preto de saír de Galicia, ou de desaparecer.
Non obstante, o popular asegurou que o PPdeG e o Goberno galego non se van rendir e darán a batalla para evitar que iso sueceda.
TRASPASO DE COMPETENCIAS
Respecto á petición de novas transferencias, o popular lamentou a existencia en Madrid un Goberno contrario ao traspaso de competencias. Así, Rueda lamentou que o que valía co Goberno bipartito e con Touriño, non vala co de Feijóo e o Goberno central se empeñe en bloquear o desenvolvemento de Galicia como autonomía e un incremento do seu autogoberno por temor a non se sabe qué.
Así mesmo, Rueda calificou de “excusa” a petición do Goberno central de reformar o Estatuto para poder traspasarlle á Comunidade as competencias que pide. Con respecto a isto, o popular afirmou sospeitar que o Goberno central quere que o Goberno galego meta o Estatuto na súa axenda política para que esqueza o tema das caixas pero asegurou que non vai ter esa sorte.
Non osbtante, Rueda afirmou que coa autonomía de Galicia non se debe xogar, nin respecto ás caixas nin respecto á asunción de competencias e asegurou que se queren converterse nun Goberno hostil no que a traspaso de competencias se refire, Galicia xulgaráo por iso xa que cercena o seu dereito a lograr novas competencias.













