A súa amnesia selectiva impídelle precisar cuestións referidas a un caso de malversación de fondos no que xa hai imputado un alcalde socialista
O ex director xeral de Promoción do Emprego perde a memoria ante o xuíz sobre o caso da axente electoral
• Asegurou que todas as subvencións que concedía o seu departamento eran controladas "salvo erro informático"
Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2010. - O ex director xeral de Promoción do Emprego, Álvaro Ansias, perdeu hoxe a memoria ao ter que responder diante do xuíz ás dúbidas que suscita a súa actuación no caso da axente electoral. Álvaro Ansias, interrogado pola acusación pola súa vinculación na trama e polo seu papel nun asunto baseado en que o seu departamento pagou con fondos públicos o salario dunha traballadora que exerceu de axente electoral do PSOE, optou pola fórmula "non o recordo".
O ex alto cargo do bipartito esgrimiu a súa falta de memoria en seis das doce preguntas efectuadas polos avogados da acusación, e noutras tres dixo non saber nada ao respecto. Si recorda, por fortuna, que foi director xeral da Xunta, que si coñecía a natureza de ordes que el mesmo asinaba para promover o emprego en Galicia e que el mesmo asinou o inicio dun procedemento de información previa.
Ansias asegurou que todas as subvencións que concedía o seu departamento eran controladas "salvo erro informático" e dixo que nin sabía se había convenios entre Félix Porto e Viticultores do Castro, nin se era habitual que entre asociacións se chegasen a estes acordos.
A amnesia selectiva significa unha cousa, a xuízo do PPdeG: que dixo "non me acordo" a cada pregunta na que podería terse metido nun apuro ou a cada cuestión na que puido implicar en maior medida ao imputado Félix Porto ou aos seus entón superiores no Goberno e hoxe superiores no partido, Ricardo Varela e Pablo García.
O PPdeG ten que dicir que desconfía de forma clara da perda repentina de memoria do ex director xeral e considera que esta non é máis que un síntoma de que os socialistas seguen mentindo neste asunto, no que xorden cada vez máis indicios de que utilizaron fondos públicos para pagar parte da súa campaña electoral.
Os populares chegarán ata o final deste asunto, e esperan que non quede demasiado para coñecerse a implicación do PSOE neste asunto, que afecta a boa parte da cúpula directiva dos socialistas galegos, a actual e a anterior. E pronto quedará demostrado.













