O ex director xeral de Promoción do Emprego, dependente da Consellería de Traballo que dirixía Ricardo Varela, prestará declaración mañá no Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra
A Xustiza retoma as investigacións sobre o caso da axente electoral cos interrogatorios aos altos cargos do bipartito implicados
- Foi Ansias quen, por orde de Varela e coa intermediación de Pablo García (daquela líder de UUAA en Galicia e hoxe número dous do PSOE), aboou o salario de Blanco para, en teoría, axudar aos viticultores de Ourense, e na práctica traballar para o PSOE
- O PPdeG recorda ao PSOE que non pensa esquecer este caso mentres non se demostre se o diñeiro público axudou a encher a súa saca de votos nas municipais de 2007 e se utilizou a chequera de todos en beneficio dese partido
Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2010. - A Xustiza retoma as pescudas sobre o caso da axente electoral co inicio dos interrogatorios aos altos cargos do bipartito implicados nunha trama de suposto desvío de fondos, malversación e financiamento ilegal do PSOE en Galicia. Así, o ex director xeral de Promoción do Emprego, Álvaro Ansias, prestará declaración mañá, ás 9.30 h, no Xulgado número 3 de Pontevedra. Ansias, dependente órganicamente da Consellería de Traballo que dirixía Ricardo Varela (secretario provincial do PSOE en Lugo e ex número dous do PSOE en Galicia), explicará o seu papel nunha rede na que foi activo responsable. Non en van, o seu departamento pagou con fondos europeos o soldo da axente electoral que destinaron a Arxentina para solicitar votos para o PSOE de Muxía.
Os populares recordan que foi Ansias quen, por orde de Varela e coa intermediación de Pablo García (daquela líder de UUAA en Galicia e hoxe número dous do PSOE) aboou o salario de María Isabel Blanco para, en teoría, axudar aos viticultores de Ourense; non obstante, destinaron a esta ao servizo persoal do entón candidato á alcaldía de Muxía e responsable de UUAA na Costa da Morte.
O PPdeG cre que da declaración de Ansias e da de Manuel Luis Rodríguez, ex secretario xeral de Emigración, a Xustiza obterá unha conclusión clara: que o Goberno galego estaba metido ata o pescozo nesta trama cuxos cerebros eran o ex conselleiro de Traballo, o ex número dous de UUAA e diferentes peóns gobernamentais e parlamentarios do PSOE.
O PPdeG recorda ao PSOE que non pensa esquecer este caso mentres non se demostre se o diñeiro público axudou a encher a súa saca de votos nas municipais de 2007 e se se empregou a chequera de todos en beneficio dese partido.
Ademais, aproveita para lanzar unha mensaxe a Pablo García: a súa implicación nesta trama é evidente, e os testemuños que pronto terán lugar no Xulgado así o acreditarán.
Non en van, un dos actores da trama, o responsable da asociación fantasma que contratou a axente electoral, apuntou directamente a García (compañeiro de partido) na selección de Blanco, o seu traslado a Vimianzo e as súas ordes claras e directas sobre o labor que esta habería de ter na organización: axudar ao imputado Félix Porto a ser alcalde de Muxía.













