Román Rodríguez pide ao PSOE que aclare se está a favor da Mesa ou do consenso lingüístico

O voceiro de Educación do Grupo Popular destacou que en Galicia sempre houbo convivencia lingüística e, grazas a este novo texto que “engarza” co sentir social, recupérase o respecto mutuo entre as linguas

 

Román Rodríguez pídelle ao PSOE galego que deixe a ambivalencia e aclare se está a favor da Mesa ou do consenso lingüístico

 

• Considera que a postura PSOE é “difícil de entender” posto que se atopan nun “vaivén” onde uns días parecen mostrarse a favor da liberdade lingüística e outros coinciden coa postura de “organizacións-satélite” do BNG

 

• Afirmou que parece “imposible” poñerse dacordo co BNG xa que os nacionalistas entenden que só hai unha lingua en Galicia e poñen a súa ideoloxía por riba dos intereses do país

 

• Calificou de “magnífica oportunidade” para Galicia o novo texto posto que restablece a liberdade lingüística é constitúe unha “aposta de futuro” ao fomentar o trilingüismo

 

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2009.- O voceiro de Educación do Grupo Popular, Román Rodríguez, criticou hoxe a “postura tremendamente ambivalente” do PSOE galego con respecto ao modelo lingüístico reflectido no borrador do decreto dos populares e pediulles aos socialistas que aclaren se están a favor das ideas da Mesa pola Normalización Lingüística e, por extensión, dos nacionalistas, ou se apostan polo consenso lingüístico.

 

O popular considera que a postura dos socialistas galegos é “difícil de entender” posto que se atopan nun “vaivén” onde uns días algúns membros parecen mostrarse a favor da liberdade lingüística e outros nos que lanzan declaracións que coinciden coas de “organizacións-satélite” do BNG como é A Mesa. Román Rodríguez fixo fincapé en que o PSOE galego está nesa “encrucillada” na que debe decidir se “lavarse a cara” e unirse aos postulados do texto dos populares, que elimina a imposición lingüística e busca o mellor para os galegos ou se, pola contra, decide quedarse fóra dese consenso lingüístico e rexeita traballar “con sentido de país”.

 

Con respecto ao BNG, o popular afirmou que parece “imposible” que se poñan de acordo xa que tanto a formación como os seus “satélites” entenden que só hai unha lingua en Galicia e poñen a súa ideoloxía por riba dos intereses do país.

 

Así mesmo, o popular manifestou que aos populares lles sorprenden as críticas ao borrador do texto e non entenden que se acuse o novo modelo lingüístico que propoñen de dicir que marxina unha lingua en detrimento da outra cando iso precisamente é o que fai o decreto do bipartito e non o da actual Xunta, que aposta polo equilibrio entre as linguas.

 

Por outra banda, indicou que o feito de que aos populares os critiquen tanto os que queren impoñer unha lingua como os que pretenden impoñer a outra é un claro indicador de que o modelo lingüístico de Feijóo se atopa xusto no centro do sentir social, posto que non tira para ningunha desas posturas.

 

En canto á manifestación convocada para este mes, o popular fixo fincapé en que se trata dun prantexamento político posto que foi acordada antes de que se soubese cales eran os contidos do texto da Xunta.

 

Román Rodríguez aproveitou tamén para ensalzar o borrador do decreto, ao que calificou de “magnífica oportunidade” para Galicia, posto que non só restablece a liberdade lingüística que nunca debeu perderse e bota por terra o decreto do bipartito posto en marcha no ano 2007, senón que tamén é unha “aposta de futuro” debido a que fomenta o trilingüismo afondando no inglés e, polo tanto, permitirá un maior dominio das linguas.

 

O popular fixo fincapé en que en Galicia sempre houbo convivencia e consenso en materia lingüística e, grazas a este novo texto que “engarza” co sentir social de Galicia, recupérase o respecto mutuo entre as linguas. Así mesmo, destacou que o novo modelo lingüístico aposta pola lingua galego facendo un uso dela máis axeitado a nivel promocional.

 

 


Compartir en:
Comparte en Google! Live! Facebook! Netscape! Technorati! MySpace! Yahoo!
Síguenos:
RSS

Descarga nosos titulares

Podcast

Leva os nosos audios

No teu correo

Recibe os titulares e alertas informativas

Afiliate Buscar