Feijóo lamenta que Zapatero retrasase a Conferencia para colar unha financiación inxusta

O presidente do PPdeG afirma que o modelo dos populares, ó contrario que o de Zapatero, é apostar pola igualdade de condicións e oportunidades, por iso, a súa prioridade é impulsar a provincia de Lugo

 

• Critica que o Goberno central fomente os desequilibrios territoriais en España mentres que os populares se esforzan por lograr unha Galicia global e igualitaria

 

• Subliña que os populares farán posible que o vindeiro ano estea en funcionamento o novo hospital de Lugo, “pese a que nos atopamos cun edificio e sen nada dentro”

 

• Di que o PPdeG demostra ser un partido de goberno cando está no poder e tamén cando lle toca estar na oposición, deixando claro que podería gobernar mellor, como sucede en Lugo

 

• Agradece a importante tarefa desempeñada por García Díez no PP de Lugo e felicita e anima a Jaime Castiñeiras na súa misión de exercer como voceiro dos populares no concello

 

Lugo, 12 de decembro de 2009.- O presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, lamentou, na súa intervención no Congreso local do PP de Lugo, que o Goberno central tardase tanto en percibir a crise e darse conta de que camiñaba só, retrasando así, ata os 35 meses, a súa cita cos presidentes das comunidades autónomas, que terá lugar o vindeiro luns.

 

Na opinión do popular, fai moito que o Goberno central tiña que convocar aos Gobernos autonómicos para coordinarse contra a crise, pero non o fixo porque sabía que estes últimos non permitirían a xestión que a Administración central fixo ata o de agora. En palabras de Feijóo, “o Goberno central retrasou ata o límite a convocatoria da Conferencia de Presidentes para colar ás Comunidades un financiamento inxusto e unha subida de impostos inxusta”.

 

O presidente do PPdeG criticou, polo tanto, que o Goberno central queira falar de emprego cando en España hai xa catro millóns de parados, que queira abordar a austeridade cando aumentou o número de Ministerios mentres as Comunidades reducían o número de altos cargos, e queira tratar a economía cando os galegos teñen que pagar máis impostos que nunca. Neste sentido, Feijóo lamentou que a Administración central, como sempre, chegue tarde e mal, posto que, nas súas palabras, a crise leva xa dous anos de vantaxe.

 

Así mesmo, o presidente do PPdeG asegurou que o vindeiro luns, cando se reunirán os 17 presidentes autonómicos e Zapatero, este último terá que escoitar ás Comunidades e, por suposto, a Galicia. Con respecto a isto, o popular lembrou cómo os galegos, o pasado 1 de marzo, lle enviaron unha mensaxe clara a Zapatero que todos os españois entenderon, menos el. A mensaxe era que rectificase ou se retirase, así que, como non rectificou, o Goberno central xa sabe cal é a alternativa que lle queda.

 

Por outra banda, Feijóo recordou a petición dos galegos de conseguir unha Galicia máis igualitaria en oportunidades e, por iso, os populares estableceron a súa prioridade na provincia de Lugo. Neste sentido, o presidente do PPdeG fixo fincapé en que o modelo dos populares, ao contrario que o de Zapatero, é apostar pola igualdade de oportunidades e por loitar contra o desequilibrio territorial.

 

Así, mentres o Goberno central descompensa esa balanza permitindo que o AVE a Galicia chegue 20 anos máis tarde que en Andalucía, pactando con dous partidos minoritarios en España, como o PSC e ERC, o financiamento de 17 Comunidades Autónomas ou subindo impostos indiscriminadamente aos cidadáns das Autonomías de rendas máis baixas, os populares, pola contra, apostan por discriminar positivamente a quen máis axuda necesita. Por iso, segundo Feijóo, os populares impulsan Lugo, porque están convencidos que así se pode impulsar Galicia e, por iso tamén, os lucenses reciben un 40% máis per cápita dos orzamentos que os cidadáns doutras provincias.

 

Con respecto a isto, o popular tamén subliñou a decisión dos populares de concederlle un novo hospital a Lugo e de facer posible que xa o vindeiro ano esté en funcionamento, pese a que estaba orzamentado polo Bipartito como catro paredes sen nada dentro. Neste sentido, asegurou que a súa formación está enchendo de servizos públicos os baleiros herdados polo bipartito.

 

Así mesmo, Feijóo fixo fincapé en todas aquelas medidas impulsadas polos populares que camiñan cara unha Galicia global e igualitaria, como é o Plan Move, que comunicará o territorio galego polos catro costados a través das infraestruturas, o Plan de Banda Ancha para o rural e uns orzamentos que resultan ser os de maior peso de inversión social da historia da Comunidade.

 

O PPdeG: UN PARTIDO DE GOBERNO

O presidente dos populares galegos agradeceulles aos militantes o éxito de organización do Congreso e asegurou que son eventos coma ese, nos que o partido se pon ao día e se renova, os que permiten aos populares liderar a Galicia actual e os que permitirán tamén que lideren a cidade de Lugo, as catro provincias galegas e a Galicia do futuro.

 

Nesta liña, Feijóo fixo fincapé en que o PPdeG é un partido que gosta da democracia e, por iso, goberna cando gaña e permite gobernar ao que gaña cando el perde. Por ese motivo, a formación dos populares é un partido de goberno e iso maniféstao non só cando está no goberno senón tamén cando lle toca estar na oposición, como en Lugo, demostrando que poderían gobernar moito mellor que o actual Goberno.

 

Así, Feijóo mostrouse convencido de que os populares gañarán as eleccións en Lugo e tamén a nivel nacional xa que son os mellores xestores fronte aos máis pésimos improvisadores e teñen un líder sensato e serio: Mariano Rajoy.

 

O presidente do PPdeG fixo tamén fincapé nas iniciativas que o Goberno galego dos populares levou a cabo ata o día de hoxe, destacando, entre outras, medidas contra o desemprego, con 30 millóns de euros de inversión para contratar 4.000 parados sen prestacións, o Plan Remóvete e o de Vivenda, o desbloqueo da acuicultura e, por suposto, o maior Plan de Austeridade da historia de Galicia. Por outra parte, tamén destacou a transparencia do actual Goberno galego, que busca o beneficio de Galicia, por iso hai unha nova Lei Eólica e se aprobará unha nova normativa para as caixas.

 

Por outra banda, o presidente do PPdeG aproveitou para valorar e agradecer a importante tarefa no PP da cidade de Lugo de Joaquín García Díez, a quen se referiu como o mellor alcalde de Lugo dos últimos, polo menos, 15 anos, e tamén para darlle a noraboa a Jaime Castiñeiras por acadar un primeiro plano no PP de Lugo, sucedendo a García Díez como portavoz do partido.

 

 

 

 

 

 

 

 

 


Compartir en:
Comparte en Google! Live! Facebook! Netscape! Technorati! MySpace! Yahoo!
Síguenos:
RSS

Descarga nosos titulares

Podcast

Leva os nosos audios

No teu correo

Recibe os titulares e alertas informativas

Afiliate Buscar