O presidente dos populares ferrolanos mantivo un encontro dixital en www.ppdegalicia.com, no que durante 90 minutos respondeu ás preguntas dos usuarios
• O presidente do PP de Ferrol contestou ás preguntas que os internautas fixeron chegar a través da web www.ppdegalicia.com
• O presidente do PP de Ferrol recordou que a aposta desta formación pasa por recuperar a ferrolana Plaza de España como nó neurálxico de comunicacións
• Rey Varela puxo en evidencia os problemas de Irisarri para alcanzar acordos cos grupos da oposición ao tempo que censuraba o seu afán desmedido por defender os intereses do partido antes que os da súa cidade
Ferrol, mércores 9 de decembro de 2009. - O presidente do Partido Popular de Ferrol, José Manuel Rey Varela, participou esta mañá nos Encontros Dixitais do PPdeG. Así, este mozo político ferrolano ofrecía o seu punto de vista sobre cuestións tan dispares como o emprego das novas tecnoloxías ou o uso do galego. O futuro que lle depara á urbe naval ou o papel que está a xogar o actual rexedor municipal foron outras das preguntas ás que Rey Varela daba resposta nas case dúas horas nas que se prolongaba o encontro e que serviron para coñecer con máis detalle o particular visión de Rey Varela sobre a actualidade municipal e rexional.
Así, destacaba a necesidade de aprender do pasado e planificar o futuro para sacar a Ferrol da crise na que leva inmersa case dúas décadas.
Un futuro que para o presidente dos populares ferrolanos pasa por aproveitar as potencialidades da urbe naval. Aquelas que xa no século XVIII a convertían nunha das cidades máis florecentes do Norte e un dos seus sinais de identidade: a súa situación estratéxica dende o punto de vista marítimo. E ao fío, Rey Varela, apuntaba ao sector naval e ao porto exterior como dúas pezas claves no desenvolvemento futuro da economía local e como baza fundamental para que Ferrol deixe de perder poboación e se volva situar nos postos de cabeza das sete grandes cidades galegas.
Respecto á praza de España, un dos asuntos que máis portadas acaparou nos últimos anos na prensa local, o presidente do PP de Ferrol recordaba que a aposta desta formación pasaba por recuperar este espazo como nó neurálxico de comunicacións. "O proxecto do grupo de goberno, que evidentemente respectamos pero non compartimos, non só vai supoñer a privatización deste espazo, senón que as obras se vaian prolongar como mínimo durante dous anos máis", explicaba Rey Varela no encontro dixital desta mañá.
Á pregunta sobre a actual xestión do rexedor municipal, Rey Varela poñía en evidencia os problemas de Irisarri para alcanzar acordos cos grupos da oposición ao tempo que censuraba o seu afán desmedido por defender os intereses do partido antes que os dos da súa cidade. Precisamente, esta cuestión é, a xuízo do presidente do PP de Ferrol, o que provocou a parálise de asuntos de enorme transcendencia para o futuro de Ferrol, como son a praza de Armas, a praza de España ou Recimil. Asuntos que Irisarri ve como problemas e que para Rey Varela son "oportunidades que non debería deixar escapar".
Respecto ao uso do galego, Rey Varela subliñaba a súa defensa das dúas linguas, que usa indistintamente "grazas aos meus avós que era galego-falantes" e cos que o falaba de xeito habitual.
Tras a charla, o presidente dos populares ferrolanos e vicesecretario do PPdeG cualificaba a experiencia como "moi satisfactoria" ademais dunha "excelente oportunidade para pulsar os temas que hoxe en día lle preocupan aos cidadáns e cidadás". Tal e como o propio Rey Varela explicaba a un dos internautas, as novas tecnoloxías permiten estar en contacto con moita xente á vez, de lugares moi remotos e de diferentes ideoloxías e formas de pensar e iso é sumamente enriquecedor, ao tempo que recoñecía que o seu interese por esta área o animaron a participar en tres das redes sociais máis coñecidas: Facebook, Tuenti e Twitter.













