Medidas da Xunta como o Diálogo social, a supresión do plus de altos cargos, a bolsa de vivendas a prezo taxado ou o adiamento da débeda co Estado dan esperanzas aos galegos
Sueiro lamenta as cifras de paro que deixa o mes de xaneiro pero confía na Xunta e no Goberno para saír da crise
- O deputado popular é consciente de que os datos non son positivos e por iso considera necesario traballar con máis forza que nunca para reverter a tendencia alcista do desemprego
Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2012.- O deputado popular, Alberto Sueiro, lamentou hoxe as cifras do paro que nos deixa o mes de xaneiro, onde o aumento do paro rexistrado foi de 13.050 persoas desempregadas máis, un 5,05% de parados máis que o mes de decembro.
Segundo explica Sueiro, o 70% dese incremento rexistrado atópase no sector servizos, principalmente no comercio e na hostalería. Polo tanto, está moi vencellado ao final da campaña do Nadal.
Ademais, cómpre salientar que Galicia segue a ter máis de catro puntos de diferenciais nos datos EPA, como se coñecía o pasado venres, e que o desemprego aumentou en tódalas comunidades.
De tódolos xeitos, o deputado popular é consciente de que os datos non son positivos e por iso considera necesario traballar con máis forza que nunca para reverter a tendencia alcista do desemprego. Neste sentido, confía plenamente tanto no Goberno galego coma no Executivo central pasa saír da crise.
Con respecto a isto, Sueiro fai fincapé no esforzo que se está realizando desde ambas administracións para facilitar a creación de emprego e o reflote da economía.
Así, medidas do Goberno galego, como a revalidación do acordo do Diálogo Social, con máis de 11 millóns de investimento por parte da Xunta para a creación de novos postos de traballo; a supresión do plus de altos cargos, para que arrimen o ombro todos sen excepción da clase política; ou a bolsa de vivendas a prezo taxado, para facilitar o acceso á vivenda, son accións cuxa razón de ser radica en facer medrar a economía e que demostran que esa é a prioridade do equipo de Feijóo.
Do mesmo xeito, o Executivo central demostra estar moi concienciado, a diferencia do Goberno de Zapatero, coa necesidade de saír recesión económica e é consciente do papel fundamental que xogan as comunidades no asunto, polo que aposta por facilitarlles as cousas, en vez de poñer constantes obstáculos.
Así, o Goberno de Rajoy aposta por permitir o adiamento da débeda das comunidades co Estado de cinco a dez anos, que no caso de Galicia ascende a case 2.600 millóns de euros e que foi froito das malas previsións orzamentarias de Zapatero. Ademais, prometeu revisar o financiamento autonómico para que non siga habendo inxustizas nin distincións entre comunidades de primeira ou de segunda, como si había para o anterior Executivo.













