A homenaxe terá lugar no Auditorio de Galicia ás 12.30 horas e estenderáse ata o Congreso do PP en Sevilla, onde todo o partido lembrará a don Manuel e honrará a súa figura
Rajoy e Feijóo encabezarán un acto de partido en honor a don Manuel Fraga o sábado en Santiago
- Alfonso Rueda afirma que será un acto sinxelo, onde intervirán o presidente do PP nacional e o presidente do PPdeG, e unha neta de don Manuel
Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2012.- O secretario xeral do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, afirmou hoxe que a formación, con Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo á cabeza, celebrará unha homenaxe “de partido” a don Manuel Fraga en Santiago de Compostela o vindeiro sábado ás 12.30 horas.
Así se expresaba o dirixente popular tras estrear a rolda de reunións de maitines na sede do PPdeG, onde asegurou que o legado de don Manuel sobrevive á súa persoa porque o seu sinal está en todos e cada un dos políticos que a día de hoxe teñen responsabilidades de calquera tipo no partido.
Por iso, pasada a homenaxe á súa persoa e que se celebrou na intimidade do seu piso en Madrid, e pasada a homenaxe institucional, que foi o funeral ao ex presidente da Xunta o sábado posterior á súa defunción, os populares queren facer un recordo a quen construíu o partido no que hoxe militan.
Deste xeito, ao Fraga ex presidente do PPdeG renderáselle homenaxe xunto aos afiliados do seu partido nun acto que terá lugar no Auditorio de Santiago, o recinto no que foi investido candidato á Presidencia da Xunta por última vez e antes das súas últimas eleccións autonómicas, as únicas que non puido gañar con maioría absoluta.
Segundo Rueda, nun acto de tal simbolismo, estarán presentes a familia persoal de Manuel Fraga e a súa familia política, representada polo presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, e polo presidente nacional do partido, Mariano Rajoy, que intervirán no acto, así como unha das netas de don Manuel.
Ademais, Rueda indicou que Gerardo Fernández Albor asistirá ao acto, así como varios dirixentes do partido a nivel nacional.
Polo tanto, os populares van agradecer a don Manuel todo o que fixo polo Partido Popular lembrándoo como persoa pero tamén como o excelente político que foi, xa que como presidente fundador é padriño de todos e cada un dos nosos resultados electorais.













