Para o popular, o feito de que Galicia se porte mellor que España permite manter a confianza intacta na Xunta, que está empregando todas as súas armas, incluido o Xacobeo, para revertir a tendencia alcista do paro
Sueiro: “Non nos conformamos con que Galicia sexa unha das Comunidades nas que menos sobe o paro; só descansaremos cando o erradiquemos”
- Destaca que, se ben a actitude dos populares fronte ao paro non será nunca a do conformismo nin ao do triunfalismo, o feito de que Galicia sexa unha das Comunidades onde menos sobe o desemprego indica que as políticas económicas do Goberno galego non van desencamiñadas
- Contrasta esta situación coa do resto de España, que sofre as consecuencias das equivocadas políticas económicas do Goberno central, que agora planea recortar as prestacións aos desempregados nun futuro próximo e subvencionar o despido
Santiago, 2 de setembro de 2010.- O voceiro de Traballo do PPdeG, Alberto Sueiro, afirmou hoxe que os populares galegos “non nos conformamos con que Galicia sexa unha das Comunidades nas que menos sobe o paro; só descansaremos cando o erradiquemos”.
Galicia, cun aumento porcentual do 0,83% con respecto ao mes anterior –o que supón 1.743 desempregados máis-, é a cuarta Comunidade onde menos se incrementa o paro e a quinta onde menos sobe o paro interanual en termos relativos. Por tanto, como destaca Sueiro, a pesar de que na Comunidade o desemprego se incrementou, o certo é que Galicia se está comportando moito mellor que o conxunto de España, onde o aumento porcentual do paro foi do 1,56%.
Por iso, para o popular, trátase dun indicativo claro de que a política económica do Goberno central é incapaz de xerar confianza, emprego e deixar de destruir postos traballo e critica que o equipo de Zapatero adoptase medidas erróneas contra a crise como subir os impostos, o IVA, provocando así unha contracción do consumo e, como consecuencia, máis paro.
Nesta liña, Sueiro destaca que, se ben a actitude dos populares fronte ao paro non será nunca a do conformismo nin ao do triunfalismo, o feito de que Galicia sexa unha das Comunidades onde menos sobe o desemprego é un indicativo de que as políticas económicas do Goberno galego non van desencamiñadas. Para o popular, isto permite manter un moi moderado optimismo e a confianza intacta no Goberno da Xunta, que está empregando todas as súas armas, incluido o Xacobeo, para invertir a tendencia alcista do paro.
Os populares acollen polo tanto con preocupación a cifra de parados de hoxe, pero coa tranquilidade que xera o feito de que o dato é mellor que o de hai un ano, e a de saber que Galicia conta cun Goberno capaz de reverter a tendencia malia que as decisións de Madrid, entre as que están as de recortar as prestacións aos desempregados nun futuro próximo e subvencionar o despido, non axuden a frear a máquina de fabricar parados que puxo en marcha Zapatero.













