O voceiro do Grupo Popular salienta “hai máis posibilidades de acertar pola vía do diálogo, o consenso e do acordo entre os axentes sociais e a administración pública que a través de calquera outra vía”
PEDRO PUY ASEGURA QUE OS ACORDOS DO DIÁLOGO SOCIAL DEBEN SER “O SINAL DE IDENTIDADE DA POLÍTICA ECONÓMICA E DE GOBERNO” DA XUNTA
- Destacou os acordos adoptados no eido do emprego, principalmente os programas dirixidos especificamente para mozos sen cualificación e para desempregados de longa duración, así como os incentivos á contratación e a creación de Consello Autonómico de Emprego
- O Grupo Popular reuniuse esta mañá coa secretaria xeral de Política Social para coñecer como está tratando de resolver o Goberno a situación de ter menos recursos no conxunto da Administración xunto co incremento da demanda de servizos sociais
Santiago, 30 de xaneiro de 2012.- O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Pedro Puy, asegurou hoxe que os 29 acordos subscritos entre a Xunta de Galicia, os empresarios e as organizacións sindicais no marco do Diálogo Social deben ser “o sinal de identidade da política económica e de goberno” da Administración galega. “É posible que mesmo por consenso moitas veces non sexamos capaces de arranxar as cuestións tan difíciles ás que nos enfrontamos no ámbito económico e do mercado de traballo, pero o que é máis certo é que hai máis posibilidades de acertar pola vía do diálogo, do consenso e do acordo entre os axentes sociais e a administración pública que a través de calquera outra vía”, afirmou.
Pedro Puy informou que a reunión dos deputados do Grupo Popular celebrada hoxe centrouse na análise e coñecemento polo miúdo dos acordos asinados no marco do Diálogo Social, tanto os 14 subscritos a pasada semana como os 15 formalizados no 2010. “Son a mellor mostra dunha política económica baseada no diálogo social e que loxicamente valoramos e apreciamos de forma significativa no momento económico que estamos a vivir”, sinalou.
O portavoz do Grupo Popular apuntou que “apreciamos estes acordos tanto desde o punto de vista autonómico como dos esforzos que se están a facer a nivel nacional polo goberno de Mariano Rajoy para sacar adiante de forma consensuada a tan necesitada reforma laboral e as medias correspondentes para o fomento do emprego, unha vez coñecidos os datos cos que concluíu o seu mandato o Goberno socialista e que nos deixan nunha situación extremadamente complicada, cunhas taxas de paro que duplican as da Unión Europea”.
ACORDOS NO ÁMBITO DO EMPREGO
Máis en concreto, Puy salientou os acordos adoptados no marco do Diálogo Social no ámbito do emprego, principalmente o programa dirixido para mozos sen cualificación, no que se combina a formación en centros integrados cun contrato laboral posterior cunha duración mínima de seis meses; e o programa de emprego, orientación e formación dirixido a parados de longa duración, que esgotasen as prestacións por desemprego, perceptores do RISGA ou maiores de 45 anos, “co que se vencella o que é o fomento da empregabilidade en colectivos en risco de exclusión social e se vencella a prestación correspondente co fomento da empregabilidade destas persoas”.
Así mesmo, o Grupo Popular analizou outras medidas incorporadas no Diálogo Social, como o programa de incentivos á contratación que, con carácter xeral, establece importantes axudas á contratación indefinida ou temporal; así como a creación do Consello Autonómico de Emprego, “que debe constituirse, polas competencias e funcións que se lle atribúen, nun marco estable de continuación das políticas de acordo social, de consenso, de avalización do Servizo Público de Emprego de Galicia e de todo o que é o seguemento do mercado de traballo en Galicia”, dixo Pedro Puy.
O voceiro do Grupo Popular tamén deu conta da xuntanza mantida esta mañá coa secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, na que os deputados recibiron información sobre como está tratando de resolver o Goberno a situación de dispor de menos recursos na Administración xunto co incremento da demanda de servizos sociais, que en Galicia ten compoñentes conxunturais pero tamén estruturais derivados do envellecemento da poboación.
“A Xunta está a facer un grande esforzo por flexibilizar, racionalizar e mellorar os servizos sociais con menos recursos, que se traducen en novas normas que son criticadas pola oposición dun xeito un tanto irresponsable”, lamentou Puy. Neste sentido, explicou que, por unha banda, tanto socialistas como nacionalistas “están introducindo debates como o relativo ao cofinanciamento por parte dos usuarios, no que esquecen que esto é algo común que sempre se aplicou a este tipo de servizos”. “O que está a facer a Xunta é introducir criterios de equidade e redistribución á hora de establecer as contías que teñen que pagar os usuarios nos casos en que os servizos están financiados parcialmente con contribución dos usuarios”, apuntou.
DISTRIBUCIÓN DA RENDA POR IMPOSTOS E O GASTO
Así mesmo, Pedro Puy recordou que “a redistribución da renda materialízase co pago dos impostos, pero tamén pola vía do gasto, e se queremos garantir a sostenibilidade do Estado de Benestar é evidente que hai que buscar sistemas de financiamento que teñan en conta o patrimonio e o nivel de renda das persoas que acceden a uns servizos públicos que son custosos e que deben atender prioritariamente a quen máis o necesita e que non o pode pagar”.
O voceiro do Grupo Popular manifestou que o Goberno galego está a introducir, ao mesmo tempo, “melloras na xestión do sistema, como no ámbito das residencias e das garderías, que nos levan a reafirmarnos na necesidade de insistir que o sector público ten que ser eficiente”. Neste punto, recordou as recentes críticas da viceportavoz dos socialistas ao presidente da Xunta por defender que os servizos públicos teñen que ser eficientes. “Nós entendemos que a mellor forma de garantir a sostenibilidade dos servizos públicos é que a súa prestación sexa eficiente, porque do contrario é a condena á posible ruína ou quebra, xunto cun uso ineficiente duns recursos cada vez máis escasos”.
Por último, Pedro Puy aproveitou a comparecencia ante os medios de comunicación para trasladarlle, en nome do Grupo Parlamentario Popular, o pésame á familia do alcalde de Forcarei, David Raposeiras, polo seu falecemento, “unha persoa estimada e ben querida non só polo Partido Popular de Forcarei senón por todo o Partido Popular de Galicia”.













