Román Rodríguez salienta que o novo texto lexislativo, xunto co proxecto Abalar de introdución das novas tecnoloxías e o Decreto do Plurilingüismo, constitúen “avances determinantes no modelo educativo axeitado para o século XXI”
O GRUPO POPULAR CELEBRA A DECISIÓN DO GOBERNO GALEGO DE REFORZAR MEDIANTE A LEI DO PROFESORADO O PAPEL DOS DOCENTES NO PROCESO EDUCATIVO
- O voceiro de Educación dos populares lembra que o seu Grupo presentou en marzo unha iniciativa na Cámara para potenciar a convivencia nas aulas e potenciar o protagonismo dos profesores desde o convencemento de que o seu papel e a participación das familias no proceso educativo constitúen “pilares fundamentais” para o logro dun ensino de calidade.
- “Pedímoslle á oposición que deixe atrás o pasado e que acepte que o seu modelo educativo baseado na LOE incrementou os niveis de fracaso e abandono escolar, ademais de situarnos nun moi mal lugar nos informes comparativos con outros territorios da nosa contorna”.
Santiago, 28 de agosto de 2010.- O Grupo Parlamentario Popular celebra a determinación do Goberno galego á hora de asentar os eixos dun novo modelo para a Educación e singularmente a súa decisión de reformar mediante a Lei do Profesorado, que será remitida ao Parlamento previsiblemente no primeiro trimestre do vindeiro ano, o papel dos docentes no proceso educativo.
O voceiro de Educación dos parlamentarios do PPdeG, Román Rodríguez, salienta que o novo texto lexislativo, xunto co proxecto Abalar de introdución das novas tecnoloxías e o Decreto do Plurilingüismo, constitúen “avances determinantes no modelo educativo axeitado para o século XXI”. No dito modelo, o deseño dun novo marco xurídico “deberá ir orientado a situar ao profesor no cerne do sistema educativo, reforzando o seu protagonismo e dotándoo das ferramentas necesarias para poder desenvolver a súa actividade dun xeito máis eficaz e eficiente”, apunta o deputado.
Rodríguez lembra que o seu Grupo presentou en marzo unha iniciativa na Cámara para potenciar a convivencia nas aulas e potenciar o protagonismo dos profesores desde o convencemento de que o seu papel e a participación das familias no proceso educativo constitúen “pilares fundamentais” para o logro dun ensino de calidade. O obxectivo último da dita iniciativa é acadar unha maior calidade formativa do alumnado e da consideración social da actividade docente.
DEBATE SOCIAL
A este respecto, Román Rodríguez salienta que nos últimos tempos tense aberto un debate social derivado da proliferación de certos comportamentos xeradores de conflitividade nas aulas que dificultan o normal desenvolvemento da actividade educativa e do traballo dos profesores, así como da aparición de casos de agresións verbais e mesmo físicas, o que, “reduce a influencia social e colectiva da súa función e repercute na calidade formativa e no fracaso escolar”.
Un debate que ten levado ás principais institucións educativas, aos sindicatos docentes, asociacións de pais e nais e mesmo aos propios estudiantes a manifestar a necesidade de impulsar o recoñecemento profesional e social dos docentes, a fin de reducir a progresiva perda de autoestima do colectivo e a súa menor consideración social. Así, a Lei do Profesorado “ven dar resposta a esa necesidade”.
O Grupo Popular confía en que os grupos políticos se sumen a ese obxectivo e “fagan achegas en positivo para o logro dun sistema educativo galego de calidade e progreso”. Nese sentido, “pedímoslle á oposición que deixe atrás o pasado e que acepte que o seu modelo educativo baseado na LOE incrementou os niveis de fracaso e abandono escolar, ademais de situarnos nun moi mal lugar nos informes comparativos con outros territorios da nosa contorna”, apunta Rodríguez, quen confía en que “tanto o BNG como o PSOE deixen atrás “o inmobilismo e as ataduras políticas que teñen”.













