O PSOE esquece a censura inaudita aplicada na CRTVG nos incendios de 2006

Rodríguez Miranda salienta que preto de vinte traballadores da Compañía poderían perder os seus postos de traballo pola irresponsabilidade do PSdeG, que votou en contra da modificación do cadro de persoal no último pleno do Consello de Administración 

OS SOCIALISTAS VOLVEN DEMOSTRAR A SÚA FALTA DE MEMORIA AO ESQUECER A CENSURA INAUDITA QUE APLICARON NA CRTVG NOS INCENDIOS DE 2006

  • O portavoz do PPdeG lembra que durante a semana negra do agosto de hai catro anos, a TVG non emitiu ningún informativo especial sobre os lumes e nos programas que emitiu unha vez pasada a peor vaga incendiaria dos últimos vinte anos só se convidou a participar a un representante do PP dos preto de 200 que foron convidados.

  • “En 2006, pasouse do silencio informativo practicamente total a limitarse a difundir as consignas dirixidas polo Bipartito de que detrás do seu fracaso había unha trama incendiaria e de que todo estaba baixo control, mentres centos de galegos tiñan que apagar os lumes cos seus propios medios e as lapas avanzaban por case todo o territorio sen que os responsables de Medio Rural foran quen dirixir o operativo con eficacia para paralas”.

  • O PPdeG defende a profesionalidade dos traballadores da canle pública “aos que os socialistas utilizan para atacar ao Goberno galego”.

Santiago, 27 de agosto de 2010.- Os socialistas galegos volveron hoxe demostrar a súa falta de memoria en relación coa súa propia xestión ao esquecer a censura inaudita que aplicaron na CRTVG nos incendios de 2006. O deputado e portavoz do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, entende que os dirixentes do PSdeG “xa non saben qué facer para intentar equiparar a situación de hai catro anos coa de agora”, cando ambas “non son comparables desde ningún punto de vista, agás na existencia de incendiarios, porque mentres as condicións climatolóxicas están a ser máis adversas este ano, a dirección e coordinación dos labores de extinción son moito máis eficaces e por iso a maioría dos lumes non acadan nin moito menos as dimensións que acadaban no 2006 e mentres que agora hai unha total transparencia informativa, aquel ano en que case toda Galicia estaba ardendo, a única información que se transmitía desde a Xunta era que todo estaba baixo control”. 

“A situación actual non ten nada que ver co desastre do Bipartito, tal como onte recoñeceu mesmo a deputada socialista Carmen Gallego, quen chegou a admitir que daquela había moitísimos máis incendios que agora”, apunta Rodríguez Miranda, quen lamenta que aos socialistas “lles moleste tanto que os medios reproduzan as afirmacións que fixo unha das súas deputadas, á que, polo que se ve, pásalle o daquel futbolista estranxeiro que se queixaba de que os xornalistas empeñábanse sempre en publicar o que el dicía en lugar de o que quería dicir”. 

Ante as críticas feitas públicas hoxe polo voceiro do Grupo Socialista na Comisión da CRTVG, o portavoz do PPdeG lembra que durante a semana negra do agosto de hai catro anos, a TVG non emitiu ningún informativo especial sobre os lumes e nos programas que emitiu unha vez pasada a peor vaga incendiaria dos últimos vinte anos só se convidou a participar a un representante do PP dos preto de 200 que foron convidados. “Esa é a obxectividade e a transparencia que defenden os socialistas”, apunta Rodríguez Miranda.

“En 2006, pasouse do silencio informativo practicamente total a limitarse a difundir as consignas dirixidas polo Bipartito de que detrás do seu fracaso había unha trama incendiaria e de que todo estaba baixo control, mentres centos de galegos tiñan que apagar os lumes cos seus propios medios e as lapas avanzaban por case todo o territorio sen que os responsables de Medio Rural foran quen dirixir o operativo con eficacia para paralas”.

20 POSIBLES DESPIDOS POLA IRRESPONSABILIDADE DO PSdeG 

Respecto ás críticas en relación coa OPE, Rodríguez Miranda salienta que preto de vinte traballadores da Compañía poderían perder os seus postos de traballo pola irresponsabilidade do PSdeG, que votou en contra da modificación do cadro de persoal no último pleno do Consello de Administración. “É incrible que os socialistas teñan a desvergoña de mencionar sequera este tema”, indica o portavoz popular, para quen os dirixentes do PSdeG “non teñen límites no seu intento de tapar as súas propias desfeitas e non dubidan en utilizar aos profesionais da CRTVG con tal de atacar ao seu adversario político”. 

O PPdeG defende a profesionalidade dos traballadores da canle pública “aos que os socialistas utilizan para atacar ao Goberno galego”, despois de que na súa etapa “convertéronse nos reis da manipulación informativa e da dictadura dos seus intereses partidistas”.


Compartir en:
Comparte en Google! Live! Facebook! Netscape! Technorati! MySpace! Yahoo!
Síguenos:
RSS

Descarga nuestros titulares

Podcast

Nuestros audios

En tu correo

Recibe los titulares y alertas informativas

Afiliate Buscar