O Grupo Popular presentou unha iniciativa na Cámara dirixida a regular esta fórmula co fin de garantir a sostenibilidade dos orzamentos futuros
PEDRO PUY RESALTA QUE AS RESTRICIÓNS IMPOSTAS POLO GOBERNO DE ZAPATERO OBRIGAN Á XUNTA A RECORRER AO FINANCIAMENTO PÚBLICO-PRIVADO COMO FAI TAMÉN A ADMINISTRACIÓN CENTRAL
- O voceiro de Economía do Grupo Popular argumenta que a proposición non de lei enmárcase no rigor que o PPdeG aplica ás súas políticas e que se verá plasmado tamén nos Orzamentos para 2011, “que, tal como anunciou o presidente da Xunta, garantirán o mantemento da solvencia de Galicia”.
- “A oposición dedicou o verán a xerar alarmas sen fundamento e a intentar difundir dun xeito irresponsable unha imaxe catastrofista mediante a manipulación da realidade”, indicou o deputado, quen resaltou que “os datos económicos dos que dispoñemos non se corresponden con esa visión” e se amosou confiado en que os índices correspondentes ao segundo trimestre do ano “van ser esperanzadores”.
- “O Plan Estratéxico demostra que o actual Goberno ten unha visión a longo prazo en canto á dinamización económica, ademais de ter actuado de xeito inmediato contra as consecuencias da crise económica con medidas urxentes”.
Santiago, 25 de agosto de 2010.- O voceiro de Economía do Grupo Parlamentario Popular, Pedro Puy, resaltou hoxe que a actual conxuntura económica, caracterizada pola diminución dos ingresos orzamentarios, e en especial o recorte nas transferencias do Estado, a devolución das liquidacións negativas dos exercicios de 2008 e 2009 e os novos límites do endebedamento obrigan á Xunta a recorrer ao financiamento público-privado para a execución de diversos investimentos públicos, como fan outras administracións e tamén a central.
“O recurso ao financiamento público-privado é necesario tanto para cubrir déficits no capital público da Comunidade Autónoma como para manter os niveis de investimentos públicos e contribuír con iso a paliar a crise que está a atravesar a economía galega”, afirmou Puy en rolda de prensa, na que lembrou que o Ministerio de Fomento recorre a este sistema para o financiamento de infraestruturas de comunicación, e outras comunidades fan o propio para a construción de infraestruturas hospitalarias, algunhas gobernadas polo PSOE. Por iso, criticou aos socialistas galegos que, “por unha banda non deixan de cuestionar o recorte do gasto que está a facer a Xunta, cando este ven imposto fundamentalmente por decisións do Goberno de Zapatero e, por outra, negan a posibilidade de que a Xunta, ao igual que fan o resto dos gobernos, mesmo socialistas, manteña un certo nivel de investimento co recurso ao financiamento público-privado”.
ÁNIMO DE CONSENSO
Non obstante, explicou o deputado, a colaboración público-privada defire unha carga orzamentaria cara o futuro, traducida en compromisos de gasto, “que hai que ter en conta”. Así, o Grupo Popular presentou unha iniciativa na Cámara dirixida a regular esta fórmula co fin de garantir a sostenibilidade dos orzamentos futuros, de xeito que eses compromisos de gasto se manteñan dentro duns parámetros que non poñan en risco a dita sostenibilidade. Unha iniciativa “que presentamos co ánimo de que sexa consensuada entre os tres grupos parlamentarios”.
O voceiro de Economía do Grupo Popular argumentou que a proposición non de lei enmárcase no rigor que o PPdeG aplica ás súas políticas e que se verá plasmado tamén nos Orzamentos para 2011, “que, tal como anunciou o presidente da Xunta, garantirán o mantemento da solvencia de Galicia”. O Goberno de Feijóo, sinalou Puy, “demostrou desde a súa toma de posesión unha actuación seria en materia económica e na loita contra a crise e foi quen de artellar actuacións que están xa a dar resultados”.
Nese sentido, lamentou que os socialistas “poñan tanto empeño en pintar un panorama negro só para buscar titulares en contra da Xunta e para intentar agochar as penosas consecuencias da nefasta xestión que o seu partido está a levar a cabo no Goberno central”, en lugar de “facer achegas en positivo”.
OS DATOS DESMINTEN AOS SOCIALISTAS
“A oposición dedicou o verán a xerar alarmas sen fundamento e a intentar difundir dun xeito irresponsable unha imaxe catastrofista mediante a manipulación da realidade”, indicou o deputado, quen resaltou que “os datos económicos dos que dispoñemos” desminten aos socialistas porque “non se corresponden con esa visión” e se amosou confiado en que os índices correspondentes ao segundo trimestre do ano, e concretamente o relativo ao PIB, que serán presentados polo Instituto Galego de Estatística mañá, “van ser esperanzadores”.
Así, e tomando como fonte o IGE, fixo referencia, por exemplo, ao Índice de Produción Industrial, que no que vai de ano medrou en Galicia un 4,4% mentres que en España subiu un 1,9, en contra do afirmado estes días polos socialistas e despois de máis dun ano de índices negativos. Os datos son tamén máis positivos en Galicia que no conxunto do Estado no que se refire ao comercio minorista (0,7 na nosa Comunidade e -0,9 en España); ao igual que as exportacións, que creceron en Galicia un 16,7% fronte ao 16,2 de España entre xaneiro e maio. En canto ao paro, tamén utilizado polos socialistas nas súas críticas, a taxa EPA foi no segundo trimestre deste ano do 15,58 en Galicia fronte ao 20,09 de España e o paro rexistrado aumentou entre xaneiro e xullo un 11,4 na nosa Comunidade e un 14,7 no conxunto do Estado.
O deputado referiuse igualmente ás “premonicións tan negativas” que os socialistas fixeron, por exemplo, respecto aos efectos do Xacobeo “mentres os datos relativos aos sectores hostaleiro ou do pequeno comercio reflicten todo o contrario”. Así, no período xaneiro-xullo, os viaxeiro sen hoteis aumentaron un 13,01 en Galicia fronte ao 6,07 de España e as pernoctas en hoteis un 13,01 fronte ao 9,74 da media do Estado.
RIGOR
O viceportavoz do Grupo Popular salientou o rigor co que o Goberno de Feijóo está a abordar a situación económica tanto a curto como a longo prazo. A Ese respecto, referiuse ao Plan Estratéxico como “proba palpable” de que no presente “Galicia está ben orientada para afrontar os difíciles retos aos que se enfronta” e afirmou que “o Plan Estratéxico demostra que o actual Goberno ten unha visión a longo prazo en canto á dinamización económica, ademais de ter actuado de xeito inmediato contra as consecuencias da crise económica con medidas urxentes”.
Igualmente, destacou que no período de sesións que está a punto de iniciarse debateranse os orzamentos para 2011, cuxa elaboración “será complicada e haberá que ter moi claro o que se vai poder facer e o que non”, polo que, dixo, “agardamos que a oposición afronte ese proceso mellor e dunha forma máis construtiva do que está a amosar ata agora”.













