Delgado e Juncal serán os encargados de converter o Senado e o Congreso en cámaras de resonancia da voz de Galicia, combinando o papel apoio ao Goberno co de altofalantes das necesidades dos galegos
O PPdeG confía na experiencia de Celso Delgado e Juan Juncal para coordinar aos seus deputados e senadores
- Ámbolos dous levan ás súas costas unha excelente traxectoria política e destacan polo seu tesón para defender con firmeza os intereses da nosa comunidade
- Para o PPdeG é un orgullo contar con dous políticos como Delgado e Juncal, que se puliron na oposición, desempeñando un traballo impecable, e que defenderán agora, coa mesma intensidade, os intereses de Galicia
Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2012.- O voceiro dooo Partido Popular de Galicia, Antonio Rodríguez Miranda, afirmou hoxe que a formación confía na experiencia de Celso Delgado e Juan Juncal para coordinar aos seus deputados e senadores.
O PPdeG considera que tanto Celso Delgado como coordinador dos populares galegos no Congreso, como Juan Juncal no Senado, exercerán con responsabilidade e rigor o seu papel de altofalantes en Madrid da formación coa que Galicia máis se identifica.
Ámbolos dous levan ás súas costas unha excelente traxectoria política e destacan polo seu tesón para defender fielmente e con firmeza os intereses da nosa comunidade.
Para os populares galegos é un orgullo contar con dous políticos de altura como Celso Delgado e Juan Juncal, que se puliron na oposición, desempeñando un traballo eficaz e impecable, e que defenderán agora, coa mesma intensidade, os intereses da comunidade.
Delgado e Juncal teñen ante si o reto de orientar o traballo dos representantes do PPdeG, o que implica a responsabilidade de ser a voz da forza maioritaria en ambas Cámaras, non só por ser o PP o partido con máis votos en España, senón por ser o partido con máis votos en Galicia.
Os dous dirixentes serán o motor do grupo que, no caso do Senado representa a 14 dos 19 senadores galegos, e no do Congreso a 15 dos 23 deputados da comunidade. Serán, por tanto, os encargados de converter o Senado e o Congreso en cámaras de resonancia onde a voz de Galicia sone alto e claro, combinando o papel de apoio ao Goberno co de altofalantes das necesidades dos galegos como representantes públicos desta autonomía.
PERFÍS DOS COORDINADORES
Celso Delgado naceu en Ourense, avogado de profesión, cun máster en Administración de Empresas na especialidade de Distribución Comercial pola Escola Europea de Negocios, é secretario adxunto da Cámara de Comercio e Industria de Ourense en excedencia. Foi Deputado e Vicepresidente 1º do Parlamento de Galicia entre 1997 e o 2000 e foi deputado nas Cortes Xerais durante o tres últimas lexislaturas. Nesta última foi Portavoz Adxunto do Grupo Parlamentario Popular e coordinador dos deputados galegos do PP no Congreso.
É presidente do Comité de Dereitos e Garantías do Partido Popular de Galicia, membro do Comité de Dirección e membro do Comité Executivo do Partido Popular de Galicia.
Na pasada lexislatura foi vogal da Comisión de Fomento no Congreso, Vogal da Comisión de Ciencia e Innovación, Vogal Suplente da Subcomisión sobre posibles modificacións do Réxime Electoral Xeral (154/2), voceiro substituto da Xunta de Portavoces e vogal da Comisión de Industria, Turismo e Comercio. Na actual lexislatura continúa no Congreso e é presidente da Comisión de Fomento.
Pola súa banda, Juan Juncal, natural de Ferrol, está licenciado en Ciencias Económicas e exerceu como economista e auditor de contas na Coruña. Foi deputado no Parlamento galego en 1997 e 2001 e presidente local do PP de Ferrol desde xuño de 2000 ata marzo de 2005 e desde 2003 a 2007 foi alcalde de Ferrol.
Juncal tamén foi presidente provincial do PP da Coruña desde decembro de 2004 ata 2008 e senador desde as eleccións xerais de 2008.













