O presidente da Xunta visitou hoxe o novo Parque empresarial da Laracha que, cun investimento de 26 millóns de euros e 800.000 metros cadrados de actuación, servirá de alicerce e de motor para a economía deste concello e desta comarca
FEIJÓO APELA Á LEALDADE E Á PERMANENTE COOPERACIÓN PARA AFRONTAR AS INFRAESTRUTURAS PENDENTES “POLAS QUE GALICIA AGARDA HAI MOITO TEMPO” COMO O AVE, A AUTOVÍA DO CANTÁBRICO E AS CONEXIÓNS FERROVIARIAS DOS PORTOS EXTERIORES DA CORUÑA E FERROL
- Nunhas circunstancias como as actuais, destaca que é necesario prestar apoio ás empresas e sectores que están pasando dificultades extremas, “pero tamén é clave pensar no futuro”. “Se queremos unha economía en crecemento, debemos facilitar ás empresas os espazos nos que se poidan instalar e progresar con garantías”
- Co obxecto de fomentar a competitividade da economía galega resalta que a Xunta está a traballar en áreas clave: a internacionalización da economía, a innovación das empresas, o acceso ao financiamento e o apoio aos sectores estratéxicos
- Lembra que neste momento está en información pública o Plan de Solo Empresarial de Galicia, “o plan máis ambicioso da historia da autonomía”, que suporá contar con 45 millóns de metros cadrados de solo industrial e que analiza as necesidades de solo de todo Galicia a nivel global e a nivel local
- Destaca que a empresa pública mixta, entre o goberno central e o goberno autonómico, Suelo Empresarial del Atlántico, e que fixo posible o parque da Laracha, leva desenvolvidos 8 parques empresariais con máis de 2 millóns de metros cadrados e ten en distintos estados de tramitación outros 5
A Laracha (A Coruña), 30 de xaneiro de 2012.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apelou esta mañá, durante unha visita ao novo Parque empresarial da Laracha, á lealdade e á permanente cooperación entre Xunta e Goberno central para afrontar as infraestruturas pendentes “polas que Galicia agarda hai moito tempo” e, entre as que destacou o AVE, a Autovía do Cantábrico e as conexións ferroviarias dos portos exteriores da Coruña e Ferrol.
“A lealdade non foi sempre unha constante; e, por iso, Galicia agradece con especial intensidade que a partir de agora poidamos afrontar desde a permanente cooperación estes asuntos, de extraordinaria relevancia para Galicia, para o noroeste e para España. Refírome ao AVE –á conexión do tren de alta velocidade coa Meseta e á finalización do tren de alta velocidade entre A Coruña e Vigo-; ás autovías pendentes, a Autovía do Cantábrico -clave para Galicia-, ao resto das autovías interiores e á autovía entre Pontevedra e Vigo; e refírome ás conexións ferroviarias dos portos exteriores da Coruña e Ferrol”, afirmou.
No tocante ao novo parque empresarial, Feijóo subliñou que “este parque da Laracha é unha posibilidade, tamén, para os concellos limítrofes; cun investimento de 26 millóns de euros e 800.000 metros cadrados de actuación; e conectado por estrada e ao carón do Porto Exterior da Coruña”.
Nunhas circunstancias como as actuais, o titular da Xunta subliñou que é necesario prestar apoio ás empresas e sectores que están pasando dificultades extremas, “pero tamén estamos –dixo- nun momento no que é clave pensar no futuro, é dicir, en cómo queremos configurar un tecido produtivo capaz de xerar novas oportunidades de emprego duradeiro”. “Se queremos unha economía en crecemento, debemos facilitar ás empresas os espazos nos que se poidan instalar e progresar con garantías”, engadiu.
Neste sentido, afirmou que este novo parque empresarial servirá de alicerce e de motor para a economía deste concello e desta comarca.
Co obxecto de fomentar a competitividade da economía galega, Feijóo resaltou que o Goberno galego está a traballar en áreas clave como son: a internacionalización da economía, a innovación das empresas, o acceso ao financiamento e o apoio aos sectores estratéxicos.
Así mesmo, lembrou que neste momento está en información pública o Plan de Solo Empresarial de Galicia; “o plan máis ambicioso da historia da autonomía”. Un plan que analiza as necesidades de solo de toda Galicia a nivel global e a nivel local.
“A elaboración deste plan –dixo- supuxo unha análise metro a metro da idoneidade de todas e cada unha das 109 actuacións no tocante a factores físicos, medioambientais, socioeconómicos e territoriais. Un plan que suporá contar con 45 millóns de metros cadrados de solo industrial. Unha superficie que poderá ser desenvolvida a través dun instrumento de planificación avanzado e cunha tramitación axilizada para que quen queira investir en Galicia, teña o espazo axeitado para poder producir ese investimento”.
Por último, Feijóo resaltou que a empresa que fixo posible este parque foi Suelo Empresarial del Atlántico, unha empresa pública mixta, entre o goberno central e o goberno autonómico, que viña a servir de axente executor do Plan Galicia. “Hoxe, o balance é que temos unha empresa que leva desenvolvido 8 parques empresariais con máis de 2 millóns de metros cadrados a disposición dos emprendedores e ten en distintos estados de tramitación outros 5 para chegar aos comprometidos 4 millóns de metros cadrados de solo industrial”.













